viernes, 9 de octubre de 2020

Dosieres de actividades musicais

Durante as últimas semanas do verán, comezaron a aflorar as preocupacións sobre como serían as clases de Música nesta nova normalidade: como imparto a miña materia sen aula, sen instrumentos, sen contacto, sen compartir...? Os pilares da educación musical véronse moi afectados pola situación, mais non era momento de lamentacións, senón de buscar solucións.

Como dificultade engadida, é frecuente ademáis que as mestras e mestres de Música sexamos os únicos da nosa especialidade no centro, polo que xa nos últimos anos as redes sociais cobraron unha gran importancia á hora de establecer contactos con outros compañeiros e compañeiras, para así poder compartir ideas e experiencias. Este ano a cousa non ía ser menos, e un furacán de iniciativas apareceron hai uns meses para facilitarnos o comezo deste curso estrano. 

E é que, pouco antes de voltar ao cole, un bo grupo de docentes de Música decidimos unirnos para crear diferentes dosieres que conformaran un gran repositorio de actividades musicais, aportando cada un/ha o seu gran de area, e hoxe veño a compartilos eu tamén con vós, por se poden resultar de utilidade nesta tolemia que estamos a vivir. Velaquí van!

1. Dossier de actividades musicais adaptadas á nova normalidade

Este dossier, coordinado por @educamariaa, contén 190 actividades musicais adaptadas á nova normalidade. Nel participamos máis de 152 docentes, e poderás atopar ideas en castelán, galego, inglés, catalán, valencià... todas elas de diversa índole, agrupadas por temáticas (linguaxe musical, audicións, historia da música...). Principalmente hai actividades para Infantil e Primaria, pero tamén hai algunhas para Secundaria ;). Para descargalo fai clic aquí.



2. Dossier de actividades musicais para festividades

Unha idea marabillosa de @la.musica.en.el.bolsillo, na que atoparedes máis de 40 actividades musicais relacionadas coas diferentes festividades que celebramos ó longo do curso escolar (Samaín, Día do Libro, Día da Muller...). Para descargalo pica aquí.


3. Dossier de audicións musicais para Infantil e Primaria

Coordinado por @mimamimaestra, contén máis de 40 actividades para traballar a audición co alumnado de Infantil e Primaria (musicogramas, xogos, actividades de movemento...). Podes descargalo picando aquí.



Participar nestes repositorios colaborativos foi unha experiencia marabillosa e un gran exemplo do positivo das redes sociais. A comunidade formada polo Claustro de Instagram non me trouxo máis que satisfaccións, e é un claro exemplo de xenerosidade e rotroalimentación. Que compartir siga sendo vivir, compañeiras/os!

Agardo que desfrutedes deste material e que vos sexa de utilidade na nova normalidade. Non esquezades citar as fontes das actividades se as compartides nalgún medio, e se tedes dúbidas ou dificultades para acceder a algunha delas, contactade coa súa creadora ou creador, de seguro que vos axudan sen ningún problema! (tedes a súa conta na diapositiva concreta). 

Un saúdo, e, coma sempre, que a música vos acompañe!

1 comentario: