miércoles, 26 de octubre de 2022
Bingo de instrumentos escolares (cartóns + audios)
miércoles, 29 de junio de 2022
Caderno Docente curso 2022 - 2023 (en galego)
Velaquí estamos de novo, rematando outro curso escolar e traendo, como xa é tradición, o caderno docente do vindeiro... a sétima edición, nin máis nin menos! O tempo voa!
Non hai moitas
novidades que amosar ó respecto, o deseño segue a ser o mesmo co dos últimos
cursos, sinxeliño e con bastante espazo para a planificación das sesións unido
a un pequeno recuncho a modo de “axenda”. Por cambiar, o único que cambia son as
cores, xa que tras todos estes anos de probas facendo os meus propios cadernos,
penso que por fin dei co deseño que me resulta máis cómodo e eficiente. Lembro
que eu son mestra especialista en Educación Musical, e polo tanto está todo adaptado
ás miñas necesidades como tal, mais seguro que algunha cousiña pode servir a
docentes doutros ámbitos!
Coma sempre,
recomendo imprimir a portada en cartolina e configurar a impresión para que non
saian eses antiestéticos bordes brancos arredor dela. Para o resto do caderno,
con papel de 90 gr. é suficiente.
Aquí tedes unhas
capturiñas dos diferentes apartados:
Na seguinte ligazón podedes descargar o caderno: clic aquí (Editado o 30/06)
NOTA: O curso pasado fixen un pequeno rexistro de faltas de asistencia e incidencias mais unha versión con máis espazos do apartado de avaliación, na práctica non lles din uso (tirei do dixital), así que non o renovei, mais aquí tedes a ligazón novamente por se vos interesa, xe que ao ser apartados de uso “perpetuo” pódense seguir utilizando ano tras ano: clic aquí
martes, 29 de junio de 2021
Caderno Docente curso 2021-2022 (en galego)
Un ano máis, velaquí está de novo o caderno docente do próximo curso para celebrar a inminente chegada das vacacións de verán, desta vez máis merecidas ca nunca (vaia aniño intenso, mi madriña!).
Tras varios cursos
mantendo a mesma distribución e estética do caderno, nesta ocasión decidín
cambiar un chisco e optar por unha liña máis limpa e sinxela, sen tanta cor e
fundindo os apartados do planificador e da axenda nun, a ver que tal resulta.
Se premedes AQUÍ
poderedes descargar gratuitamente o caderno. No seu interior atoparedes:
Portada,
contraportada e apartado de datos persoais:
Calendario
escolar (nesta ocasión de CIG Ensino) e horarios:
Apartado de
gardas e separador trimestral:
Anotacións mensuais
co seu correspondente calendario á dereita:
Táboa de
planificación semanal cunha última fila pensada para utilizar a modo de axenda:
Listaxes sinxelas
de alumnado e cualificacións trimestrais (emprego un caderno a parte para
anotacións e un seguimento máis exhaustivo):
Ao fina do caderno hai tamén varias páxinas punteadas para anotacións, debuxos, ideas e demáis.
E isto é todo.
Coma sempre, se detectades algún erro no caderno ou tedes algunha suxestión
sobre o mesmo, os comentarios están abertos. Tamén podedes contactar comigo por
Instagram (@dandoanota), aínda que cada vez estou menos activa polos mundos
virtuais.
Agardo que
pasedes unhas boas vacacións, sempre con sentidiño, para ter unha volta o máis
calma posible.
Saúdos e saúde!
Que a música vos acompañe!
*Acceso ao Drive do caderno:
Como me pedíchedes algunhas por Instagram, aquí vos engado o caderniño que emprego para controlar asistencia, avaliacións e incidencias por se vos resulta útil 😊. Eu o imprimo en A5 (medio folio) e o meto no típico arquivador de 4 aneis para ir engadindo as follas que precise.
sábado, 17 de octubre de 2020
Actividades musicais para Samaín II
Hai catro anos xa compartía con vós algunhas ideas para realizar na aula de Música dentro destas datas (clic aquí). Hoxe veño a partillar outras novas e algunhas que tiven que adaptar á nova normalidade porque non quería renunciar a elas. Agardo que vos sexan de utilidade!
1. Danza Macabra (fragmento) de Camille Saint-Saëns.
Amo este poema sinfónico e tódalas posibilidades que ofrece: dramatizacións, coreografías con panos de cores, creación de historias... pero este curso apetecíame facer algo diferente, e creei un pequeno "arranxo" para percusión corporal e instrumentos melódicos, preferentemente placas/metalonotas, boomwhackers, campás afinadas, etc. por ser fáciles de desinfectar, mais penso que tamén é interesante para tocar con instrumentos virtuais:
Este curso estou nun centro Edixgal, polo que todo o alumnado de 5º e 6º de primaria ten o seu propio portátil (que ademáis é táctil, marabilla!). Así que estou a probar con eles diferentes instrumentos virtuais para tocar todos/as xuntos/as dende o propio dispositivo. Un dous meus preferidos é Xylo (clic), un carillón que ademáis de ter as notas na nosa nomenclatura segue o código de cores máis habitual. O mellor de todo é que non precisamos Flash nin descargar ningunha app, xa que funciona dende o propio navegador web. Tamén me está a funcionar moi ben este teclado virtual (clic).
2. A Familia Addams: xogo de vasos individual.
Non ía renunciar a este clásico, levoo facendo dende que comecei a traballar. O problema? Que orixinalmente é un xogo en corro, no que o alumnado debe intercambiar os vasos, así que prohibidísimo para este ano. Aquí vai unha pequena adaptación que fixen para poder realizado de xeito individual:
3. Sonorización dunha curta.
Outro dos clásicos que levo facendo moitos cursos no Samaín é o de sonorizar esta curta de Disney:
Que si, que sen instrumentos pode parecer complicado... pero non subestimemos as posibilidades sonoras da voz, o corpo, o mobiliario e o material escolar!
En primeiro lugar preséntolles a curta e a vemos prestando atención aos sons e ás escenas. Nos cursos baixos doulles fotocopias con capturas dos fotogramas do vídeo que quero que sonoricen, nos altos gústame que sexan eles quenes decidan que partes sonorizar. Imos anotando quen e como vai facer cada son, probamos e imos encaixando por enriba do vídeo.. et voilà! Pode levar un par de sesións pero vaga a pena. Para finalizar gústame gravar o resultado e editar o vídeo engadindo os seus sons. Requeteencántalles velo como espectadores!
4. Percusión corporal para o tema principal de Harry Potter.
Esta actividade gústame especialmente para os pequenos/as. Ese ritmo interno tan acelerado que teñen lévaos moitas veces a correr cando facemos actividades de percusión, e é algo que traballamos con esta peza. Facemos a percusión con xestos moi amplos e esaxerados, para así tardar máis en chegar ao seguinte golpe. 😉
5. Obras varias para instrumentos melódicos.
Se sodes dos valentes que se atreven coa frauta, ben de xeito telemático ou nos exteriores do cole, velaquí van tres pezas moi propicias para esta tempada: "O fortuna" de Carl Orff, "Marcha Fúnebre" de F. Chopin e a sintonía de "Expediente X". Por suposto tamén son aptas para outros instrumentos melódicos, como os que comentei ao principio do post!
6. Fichas temáticas.
Quen me coñeza sabe que non son eu moi de fichas, pero este ano dada a situación algunha está caendo de cando en vez, mais sempre intento que dentro do que cabe sexan o máis entretidas posibles. Se picas aquí ou na imaxe poderás descargar unhas fichas temáticas que elaborei para 1º ou 2º de Primaria (dependendo do nivel). Hai versión en galego e en castelán.
7. Just Dance!
Si, outra vez. É que me encanta. Ademáis este ano temos moita faltiña de movernos, así que nos últimos 5 minutos da clase de Música non falla.
Como non podemos xuntarnos moito, este curso bailamos individualmente cada un detrás do seu pupitre. Intento buscar vídeos que non requiran grandes desprazamentos e que sexan individuais, así que velaquí vai a miña samainesca selección:
I will survive - Gloria Gaynor: Un zombi con moita marcha.
Monster mash: Con coidado, non vaias perder algunha extremidade ao final!
Un poco loco (Coco): Quen pode resistirse a esta fermosura de peli?
Amazing Girl: Aos pequerrechos/as chíflalles esta superheroína!
A familia Addams: Un clasicazo!
E ata aquí por hoxe. No persoal, a min encántame facer actividades temáticas cando se achega algunha data sinalada, e agardo que algunha destas vos sexa de utilidade se vos tamén sodes do clube.
Ah! E non esquezades que na entrada anterior (clic) compartín un dosier de actividades musicais para festividades, entre as cales se atopa o Samaín! Nel podedes atopar gran variedade de propostas tanto miñas como doutras mestras!
Que a música vos acompañe e... boooo Samaííín!
viernes, 9 de octubre de 2020
Dosieres de actividades musicais
Durante as últimas semanas do verán, comezaron a aflorar as preocupacións sobre como serían as clases de Música nesta nova normalidade: como imparto a miña materia sen aula, sen instrumentos, sen contacto, sen compartir...? Os pilares da educación musical véronse moi afectados pola situación, mais non era momento de lamentacións, senón de buscar solucións.
Como dificultade engadida, é frecuente ademáis que as mestras e mestres de Música sexamos os únicos da nosa especialidade no centro, polo que xa nos últimos anos as redes sociais cobraron unha gran importancia á hora de establecer contactos con outros compañeiros e compañeiras, para así poder compartir ideas e experiencias. Este ano a cousa non ía ser menos, e un furacán de iniciativas apareceron hai uns meses para facilitarnos o comezo deste curso estrano.
E é que, pouco antes de voltar ao cole, un bo grupo de docentes de Música decidimos unirnos para crear diferentes dosieres que conformaran un gran repositorio de actividades musicais, aportando cada un/ha o seu gran de area, e hoxe veño a compartilos eu tamén con vós, por se poden resultar de utilidade nesta tolemia que estamos a vivir. Velaquí van!
1. Dossier de actividades musicais adaptadas á nova normalidadelunes, 10 de agosto de 2020
Actividades musicais en tempos de Covid
de que cambien o actual “protocolo” (por chamalo dalgunha forma) por outro máis serio e realista, é evidente que o noso día a día no cole seguiría a verse afectado pola situación que estamos a vivir, e por moito que unha intente desconectar, a cabeza non para. Cóstame imaxinar a miña aula de música sen pequerrechas/os danzando con panos de cores ou paracaídas, sen ver os sorrisos que produce esa sensación de unión ao cantar, bailar e tocar xuntas/os sentindo o latexo das compañeiras/os, sen a ilusión de preparar festivais nos que amosar as nosas artistadas ante centos de ollos espelidos, sen repasar conceptos compartindo xogos de mesa musicais ou facendo traballos colaborativos... o camiño é difícil pero agora toca argallar alternativas para que a aula de Música, aínda que limitada, non perda a súa esencia.
Ante as adversidades sempre xorden ideas novas, e de seguro que cando volvamos ás aulas comezaremos a atopar outras opcións poñendo en marcha a nosa creatividade, para que así o alumnado volva a sentirse cómodo na escola. Porque así somos as mestras e os mestres. Pero en fin, esta entrada non pretendía ser un desafogo, así que imos ao miolo:
Durante o confinamento elaborei unha serie de actividades para facer música sen contacto e con poucos materiais, e como compartir é vivir, aquí veño a partillalas por se poden ser de axuda a alguén e aforrarlle algo de traballo (que diso xa imos ir cargadiños). Coido que poden ser empregadas tanto na docencia presencial como na virtual, así que... malo será! Velaquí tedes:
- Vasos de plástico duro.
- Culleres de plástico duro ou madeira.
- Maraca caseira (pódese facer con ovos de plástico, rolos de papel hixiénico, botellas...).
- Pano de tea de calquera tipo. Podemos empregar incluso unha camiseta vella recortada.
- Dous tapóns de botella do mesmo tamaño.
- Calquera cousa cotiá que poidamos facer soar!
viernes, 31 de julio de 2020
Caderno docente 2020 - 2021 (en galego)
Que a música vos acompañe!
