lunes, 10 de agosto de 2020

Actividades musicais en tempos de Covid

O inminente curso escolar preséntase cheo de incertezas, medos e dificultades. Aínda no suposto
de que cambien o actual “protocolo” (por chamalo dalgunha forma) por outro máis serio e realista, é evidente que o noso día a día no cole seguiría a verse afectado pola situación que estamos a vivir, e por moito que unha intente desconectar, a cabeza non para. Cóstame imaxinar a miña aula de música sen pequerrechas/os danzando con panos de cores ou paracaídas, sen ver os sorrisos que produce esa sensación de unión ao cantar, bailar e tocar xuntas/os sentindo o latexo das compañeiras/os, sen a ilusión de preparar festivais nos que amosar as nosas artistadas ante centos de ollos espelidos, sen repasar conceptos compartindo xogos de mesa musicais ou facendo traballos colaborativos... o camiño é difícil pero agora toca argallar alternativas para que a aula de Música, aínda que limitada, non perda a súa esencia.


Ante as adversidades sempre xorden ideas novas, e de seguro que cando volvamos ás aulas comezaremos a atopar outras opcións poñendo en marcha a nosa creatividade, para que así o alumnado volva a sentirse cómodo na escola. Porque así somos as mestras e os mestres. Pero en fin, esta entrada non pretendía ser un desafogo, así que imos ao miolo: 




Durante o confinamento elaborei unha serie de actividades para facer música sen contacto e con poucos materiais, e como compartir é vivir, aquí veño a partillalas por se poden ser de axuda a alguén e aforrarlle algo de traballo (que diso xa imos ir cargadiños). Coido que poden ser empregadas tanto na docencia presencial como na virtual, así que... malo será! Velaquí tedes:


PERCUSIÓN CORPORAL

A voz e o corpo son os nosos primeiros instrumentos, e polo tanto tamén uns dos máis sensitivos, cousa que gosto de aproveitar na aula. Xogos de mans, acompañamentos rítmicos, composicións corporais e coreografías sempre ocuparon un lugar importante nas miñas programacións para vivenciar directamente os diferentes elementos musicais. Agora as actividades pasarán a ser individuais, mais poden seguir a realizarse ó unísono en gran grupo. Aquí tedes unha lista de reprodución de YouTube con sete exemplos:





INSTRUMENTOS DE PERCUSIÓN ALTERNATIVOS

Que vos vou contar, música pode facerse con case calquera cousa, quen non amenizou unha sobremesa con vasos, culleres, mobiliario...? Aquí van algunhas ideas para facer música con materiais individuais, económicos e accesibles que podemos pedir ao noso alumnado ao comezo do curso.

-               As culleres:

O certo e que hai só un par de aniños que introducín este elemento nas miñas clases, e aínda segue a ilusionarme o interese que suscita na rapazada, quen ía dicir que algo tan simple e tan noso como un par de culleres xeraría tanta motivación? (Vale, igual aos monitores/as do comedor non lles parece tan boa idea, pero...😁). Eu emprego unhas de madeira, mais ao alumnado podemos pedirlle unhas de plástico duro propias das vaixelas infantís ou incluso de metal, algo que todos temos por casa.
Se teñen dificultades no agarre (aos pequeniños/as cóstalles bastante), podemos empregar o truquiño do “caracol”, unindo ambas culleres cun roliño de papel e celo. 

Aquí vai un exemplo de actividade para acompañar o coñecido tema "Jump in the line" con culleres. As figuras azuis por debaixo da liña indican que hai que golpear sobre a perna, as laranxas por enriba da liña, indican que debemos golpear na palma da man (teito) e, neste caso non aparece, pero o redobre pasando as culleres sobre os dedos abertos da man, o indico poñendo tres liñas cruzando a plica da figura.





-          Material escolar:

Xa dixen que se pode facer música con calquera cousa? Pois iso. O propio material do alumnado pode ser un instrumento individual fantástico: cadernos, rotus, mesa, cadeira, estoxo... todo soa, ergo todo pode transformarse nun pequeno instrumento. Algúns exemplos:


Ritmo con rotuladores, ceras, lapis ou semellantes:


Ritmo para caderno e lapis:


Ritmo para cadeira e lapis (ou paíños):





-            Vasos:

Isto xa é un clásico nas aulas de Música. Perdemos os divertidos (e a veces desesperantes 😅) xogos en roda ou en parella, pero podemos seguir traballando as nosas habilidades de xeito individual. Aquí unha lista de reprodución de YouTube con varios exemplos:





-                 Paíños:

Outro clásico, así que pouco hai que contar. Un elemento económico que probablemente todos/as teñan xa por casa. Eu emprégoos principalmente para acompañamentos rítmicos, percutindo os paíños entre eles ou empregándoos como baquetas sobre diferentes superficies alternando esquerda-dereita-xuntos. Aquí tedes algúns exemplos de actividades:








IDEAS DE MATERIAIS PARA PEDIR AO INICIO DO CURSO

Empregar os instrumentos ó longo deste ano non vai ser doado, polo que como alternativa eu pedirei ao inicio de curso que cada neno/a traia unha bolsiña con materiais diversos para utilizar de xeito individual. Aquí tedes un exemplo dos obxectos que pode conter:


- Paíños chinos.
- Vasos de plástico duro.
- Culleres de plástico duro ou madeira.
- Maraca caseira (pódese facer con ovos de plástico, rolos de papel hixiénico, botellas...).
- Pano de tea de calquera tipo. Podemos empregar incluso unha camiseta vella recortada.
- Dous tapóns de botella do mesmo tamaño.
- Calquera cousa cotiá que poidamos facer soar!

A cousa este ano irá de buscar e probar alternativas! Eu, pola miña banda e para non saturarvos,   deixoo por hoxe. Prometo máis entradiñas con ideas para recuperar as clases de Música nestes tempos difíciles, teño moito material por aquí perdido destes últimos meses de caos que está desexando que alguén máis lle saque proveito. 💙

Que a música vos acompañe e moita forza de cara a setembro!

6 comentarios:

  1. Muchas gracias por la página. Me has dado un montón de ideas. Yo aún estoy programando y no va a ser nada facil pero con lo que has compartido seré ma´s sencillo.
    Muchas gracias

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Va a ser un año complicado para todos pero toca adaptarse, al menos para hacer el curso más llevadero a nuestros bichillos/as. ¡Mucho ánimo!

      Eliminar
  2. Muchísimas gracias desde Gijón. Aún no hemos empezado. No podremos utilizar nuestro aula de Música y debemos movernos nosotras por el instituto. No flauta, no cantar,no teclados, complicadísimo sacar los instrumentos del aula y limpiarlos tras cada uso....Te agradezco muchísimo todo lo que compartes. Se echa mucho de menos un canal común de ideas para estos tiempos tan extraños. Admiro tu motivación para dar clase en estas circunstancias (de Música, claro). A mí me está costando trabajo encontrarla. Un abrazo y mucha suerte.
    Gema

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Bueno, tanto como motivación no tengo, pero toca seguir adelante con las clases de Música para hacer el curso más llevadero a nuestros chic@s, que bastante tienen con ir al cole en este contexto! Muchas gracias por tu comentario y mucho ánimo! Espero que el curso haya comenzado mejor de lo previsto! Un abrazo!

      Eliminar
  3. Encántanme os teus musicogramas para percusión. Con que programa os fas? se non che importa que che pregunte. Bo fin de curso

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, Teba! Moitas grazas!
      Fágoos principalmente con Power Point, creo unha presentación cos elementos que formarán o musicograma (imaxes, figuras, música de fondo, etc.) e gravo a pantalla en movemento cun programa chamado Camtasia Studio 9, logo é cousa de gardar o vídeo e listo. Soa un pouco rollo así explicado pero é moi doado de facer, se buscas en YouTube cómo facer musicogramas animados apareceranche varios titoriais de compañeiras/os de Música onde o explican moito mellor ca min.
      Moi bo fin de curso a ti tamén, saúdos!

      Eliminar