sábado, 17 de octubre de 2020

Actividades musicais para Samaín II



O que me gusta a min un Samaín... 💛

Hai catro anos xa compartía con vós algunhas ideas para realizar na aula de Música dentro destas datas (clic aquí). Hoxe veño a partillar outras novas e algunhas que tiven que adaptar á nova normalidade porque non quería renunciar a elas. Agardo que vos sexan de utilidade!



1. Danza Macabra (fragmento) de Camille Saint-Saëns.

Amo este poema sinfónico e tódalas posibilidades que ofrece: dramatizacións, coreografías con panos de cores, creación de historias... pero este curso apetecíame facer algo diferente, e creei un pequeno "arranxo" para percusión corporal e instrumentos melódicos, preferentemente placas/metalonotas, boomwhackers, campás afinadas, etc. por ser fáciles de desinfectar, mais penso que tamén é interesante para tocar con instrumentos virtuais:

 

Este curso estou nun centro Edixgal, polo que todo o alumnado de 5º e 6º de primaria ten o seu propio portátil (que ademáis é táctil, marabilla!). Así que estou a probar con eles diferentes instrumentos virtuais para tocar todos/as xuntos/as dende o propio dispositivo. Un dous meus preferidos é Xylo (clic), un carillón que ademáis de ter as notas na nosa nomenclatura segue o código de cores máis habitual. O mellor de todo é que non precisamos Flash nin descargar ningunha app, xa que funciona dende o propio navegador web. Tamén me está a funcionar moi ben este teclado virtual (clic).




2. A Familia Addams: xogo de vasos individual.

Non ía renunciar a este clásico, levoo facendo dende que comecei a traballar. O problema? Que orixinalmente é un xogo en corro, no que o alumnado debe intercambiar os vasos, así que prohibidísimo para este ano. Aquí vai unha pequena adaptación que fixen para poder realizado de xeito individual:



3. Sonorización dunha curta.

Outro dos clásicos que levo facendo moitos cursos no Samaín é o de sonorizar esta curta de Disney:

Que si, que sen instrumentos pode parecer complicado... pero non subestimemos as posibilidades sonoras da voz, o corpo, o mobiliario e o material escolar! 

En primeiro lugar preséntolles a curta e a vemos prestando atención aos sons e ás escenas. Nos cursos baixos doulles fotocopias con capturas dos fotogramas do vídeo que quero que sonoricen, nos altos gústame que sexan eles quenes decidan que partes sonorizar. Imos anotando quen e como vai facer cada son, probamos e imos encaixando por enriba do vídeo.. et voilà! Pode levar un par de sesións pero vaga a pena. Para finalizar gústame gravar o resultado e editar o vídeo engadindo os seus sons. Requeteencántalles velo como espectadores!


4. Percusión corporal para o tema principal de Harry Potter.

Esta actividade gústame especialmente para os pequenos/as. Ese ritmo interno tan acelerado que teñen lévaos moitas veces a correr cando facemos actividades de percusión, e é algo que traballamos con esta peza. Facemos a percusión con xestos moi amplos e esaxerados, para así tardar máis en chegar ao seguinte golpe. 😉




5. Obras varias para instrumentos melódicos.

Se sodes dos valentes que se atreven coa frauta, ben de xeito telemático ou nos exteriores do cole, velaquí van tres pezas moi propicias para esta tempada: "O fortuna" de Carl Orff, "Marcha Fúnebre" de F. Chopin e a sintonía de "Expediente X". Por suposto tamén son aptas para outros instrumentos melódicos, como os que comentei ao principio do post!





6. Fichas temáticas.

Quen me coñeza sabe que non son eu moi de fichas, pero este ano dada a situación algunha está caendo de cando en vez, mais sempre intento que dentro do que cabe sexan o máis entretidas posibles. Se picas aquí ou na imaxe poderás descargar unhas fichas temáticas que elaborei para 1º ou 2º de Primaria (dependendo do nivel). Hai versión en galego e en castelán.



7. Just Dance!

Si, outra vez. É que me encanta. Ademáis este ano temos moita faltiña de movernos, así que nos últimos 5 minutos da clase de Música non falla. 

Como non podemos xuntarnos moito, este curso bailamos individualmente cada un detrás do seu pupitre. Intento buscar vídeos que non requiran grandes desprazamentos e que sexan individuais, así que velaquí vai a miña samainesca selección:

I will survive - Gloria Gaynor: Un zombi con moita marcha.

Monster mash: Con coidado, non vaias perder algunha extremidade ao final!

Un poco loco (Coco): Quen pode resistirse a esta fermosura de peli?

Amazing Girl: Aos pequerrechos/as chíflalles esta superheroína!

A familia Addams: Un clasicazo!


E ata aquí por hoxe. No persoal, a min encántame facer actividades temáticas cando se achega algunha data sinalada, e agardo que algunha destas vos sexa de utilidade se vos tamén sodes do clube. 

Ah! E non esquezades que na entrada anterior (clic) compartín un dosier de actividades musicais para festividades, entre as cales se atopa o Samaín! Nel podedes atopar gran variedade de propostas tanto miñas como doutras mestras!


Que a música vos acompañe e... boooo Samaííín!

viernes, 9 de octubre de 2020

Dosieres de actividades musicais

Durante as últimas semanas do verán, comezaron a aflorar as preocupacións sobre como serían as clases de Música nesta nova normalidade: como imparto a miña materia sen aula, sen instrumentos, sen contacto, sen compartir...? Os pilares da educación musical véronse moi afectados pola situación, mais non era momento de lamentacións, senón de buscar solucións.

Como dificultade engadida, é frecuente ademáis que as mestras e mestres de Música sexamos os únicos da nosa especialidade no centro, polo que xa nos últimos anos as redes sociais cobraron unha gran importancia á hora de establecer contactos con outros compañeiros e compañeiras, para así poder compartir ideas e experiencias. Este ano a cousa non ía ser menos, e un furacán de iniciativas apareceron hai uns meses para facilitarnos o comezo deste curso estrano. 

E é que, pouco antes de voltar ao cole, un bo grupo de docentes de Música decidimos unirnos para crear diferentes dosieres que conformaran un gran repositorio de actividades musicais, aportando cada un/ha o seu gran de area, e hoxe veño a compartilos eu tamén con vós, por se poden resultar de utilidade nesta tolemia que estamos a vivir. Velaquí van!

1. Dossier de actividades musicais adaptadas á nova normalidade

Este dossier, coordinado por @educamariaa, contén 190 actividades musicais adaptadas á nova normalidade. Nel participamos máis de 152 docentes, e poderás atopar ideas en castelán, galego, inglés, catalán, valencià... todas elas de diversa índole, agrupadas por temáticas (linguaxe musical, audicións, historia da música...). Principalmente hai actividades para Infantil e Primaria, pero tamén hai algunhas para Secundaria ;). Para descargalo fai clic aquí.



2. Dossier de actividades musicais para festividades

Unha idea marabillosa de @la.musica.en.el.bolsillo, na que atoparedes máis de 40 actividades musicais relacionadas coas diferentes festividades que celebramos ó longo do curso escolar (Samaín, Día do Libro, Día da Muller...). Para descargalo pica aquí.


3. Dossier de audicións musicais para Infantil e Primaria

Coordinado por @mimamimaestra, contén máis de 40 actividades para traballar a audición co alumnado de Infantil e Primaria (musicogramas, xogos, actividades de movemento...). Podes descargalo picando aquí.



Participar nestes repositorios colaborativos foi unha experiencia marabillosa e un gran exemplo do positivo das redes sociais. A comunidade formada polo Claustro de Instagram non me trouxo máis que satisfaccións, e é un claro exemplo de xenerosidade e rotroalimentación. Que compartir siga sendo vivir, compañeiras/os!

Agardo que desfrutedes deste material e que vos sexa de utilidade na nova normalidade. Non esquezades citar as fontes das actividades se as compartides nalgún medio, e se tedes dúbidas ou dificultades para acceder a algunha delas, contactade coa súa creadora ou creador, de seguro que vos axudan sen ningún problema! (tedes a súa conta na diapositiva concreta). 

Un saúdo, e, coma sempre, que a música vos acompañe!